Auditorio de Galicia
Compostela Cultura

Memoria da cultura

O Auditorio de Galicia integra na súa programación orquestras, música de cámara, ballet, solistas, pianistas ou voces líricas de recoñecido prestixio internacional.

Grandes directores, renomeados solistas, pianistas e voces líricas como Teresa Berganza, Montserrat Caballé, Alfredo Krauss ou José Carreras deixaron a súa pegada no público que asistiu ás súas actuacións no Auditorio de Galicia. Clases maxistrais e concertos didácticos completan a oferta musical deste espazo.

O Ballet Nacional de Cuba, o Ballet Ruso do Gran Teatro da Ópera de Minks, a Compañía Nacional de Danza, o Ballet da Ópera Estatal de Munich ou o Ballet de Víctor Ullate foron algunhas das compañías que exhibiron as súas interpretacións de danza no Auditorio de Galicia.

Ofreceron os seus espectáculos a State Ópera de Polonia, Ópera de Cámara de Varsovia, Orquestra Sinfónica da Radio Polaca de Cracovia e a Ópera de Poznan.

En canto á música de cámara, pasaron a Vienna Chamber Filharmonic Orchestra ou a Orquestra de Cámara de Estocolmo. Pódense sobrancear as actuacións de música contemporánea da Orquestra Sinfónica de Madrid, do Laboratorio de Informática e Electroacústica musical do CDMC ademais da Orquestra Sinfónica de Galicia. No apartado das novas músicas actuaron Michael Nyman Band, Win Mertens ou Lito Vitale Cuarteto, entre outros.

Concellaría de Cultura.
Concello de Santiago de Compostela, 2005