Auditorio de Galicia
Compostela Cultura

Paul Daniel

Paul Daniel é desde xaneiro de 2013 o director artístico e titular da Real Filharmonía de Galicia ademais de ocupar o posto de director principal e conselleiro artístico na Orquestra Sinfónica West Australian. Foi director invitado das principais orquestras do mundo, incluída a Filarmónica de Londres, a Orquestra do Século das Luces (coa que gravou, para Decca, Elías) a Orquestra de París, a Filarmónica de Nova York, a Filarmónica dos Ánxeles, a Orquestra de Cleveland, a Orquestra da BBC, a Orquestra Sinfónica de Bournemouth, a Orquestra Filarmónica de Radio France, a Orquestra Nacional de Lyon, a Orquestra Sinfónica de Gothenburg, a Orquestra Sinfónica Giuseppe Verdi de Milán e a Deutsche Kammerphilharmonie. Tamén é director principal da Orquestra Britten-Pears de Aldeburgh.

Foi director musical da Ópera Nacional, desde 1997 a 2005, coa que dirixiu, entre outras, The Flying Dutchman; Falstaff; From the House of the Dead; Os Contos de Hoffmann; Manon; Otelo; Boris Godounov; A traviata; Diálogo de Carmelitas; Pelexas e Melisande; a estrea mundial de The Silver Tassie de Mark Anthony Turnage; Nixon in China, Peter Grimes (no Festival de Aldeburgh); Guerra e Paz, Lulu; Os Troyanos; A Gioconda, de Ponchielli en versión concerto, e en escena, o Requiem de Verdi e The Ring. Antes de tomar posesión do seu cargo na Ópera Nacional Inglesa, xa traballara asiduamente con esta compañía, incluíndo a estrea mundial de Mask of Orpheus de Harrison Birtwistle, As Vodas de Fígaro, Akhnaten de Philip Glass, Tosca, Carmen e Rigoletto, que formaban parte da celebración dos 90 anos de Tippett.

Paul Daniel foi director musical da Ópera Factory de 1987 a 1990; e da Ópera North de 1990 a 1997. Mentres desempeñou as funcións de director principal da English Northern Philharmonia, a orquestra de Ópera North, dirixiu moitos concertos polo Reino Unido, e tamén levou a orquestra a moitos festivais, como o Festival de Edimburgo. Outras citas operísticas foron Mitridate, na Royal Opera House; Khovanshchina, na Monnaie de Bruxelas e L’Upupa, de Henze, no Teatro Real de Madrid.

En febreiro de 1998, recibiu o premio Olivier pola súa extraordinaria achega á ópera; e en 1999, un premio Gramophone pola súa serie de música inglesa con Naxos. Foi condecorado coa Cruz do Imperio Británico en 2000.

DIRECTOR ASOCIADO: Maximino Zumalave
Director e pianista compostelán, formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, Principal director invitado da Orquesta Sinfónica de Galicia (1992-1995) e Director Asociado da Real Filharmonía de Galicia, formación da que foi fundador. Director Asociado da Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia e Profesor de Sinfonismo nos Cursos Universitarios Internacionais de Música en Compostela.

Con Maximino Zumalave actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto, M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Gens, V. Georghiu, W. Holzmair, as irmáns Labèque, N. Lahusen, A. de Larrocha, A. León Ara, Ch. Margiono, A. Nafé, M. Orán, A. Rolfe Jonson, G. Sandor, J. Soriano, I. Vermillion e F. P. Zimmermann, entre outros. Frecuente e moi especial é a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa.

Dirixiu a importantes formacións tanto estranxeiras como españolas como a Orquestra de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra, Sinfónica de Praga, Orquestra da Ópera Nacional de Sofía, a Nacional de Lille, Sinfónica de Odense, Sinfónica de Oporto, The Brabants Orchester (Eindhoven), Orkest van het Oosten (Enschede), English Baroque Soloist, Bach Collegium, a Nacional de España, Sinfónica de Madrid, Ciudad de Barcelona, Sinfónica de Tenerife ou a Orquesta Ciudad de Granada entre outras. Foi invitado a participar en xurados e presidir importantes certames e premios internacionais.

Maximino Zumalave dirixiu estreas absolutas de obras de Bernaola, Castillo, García Abril, Groba, Marco, Mestres Quadreny, Villa Rojo, coidando especialmente as primeiras audicións de novos compositores galegos como Alonso, Balboa, Buíde, Durán, Macías, de Paz, Pereiro, Vázquez ou Viaño. O seu compromiso coa Cultura de Galicia trascende alén a Música: Torrente Ballester envíalle unha obra "lamentando que no pueda ser una sinfonía" e a poetisa Eva Veiga escribe:
"...Maximino,
que coas súas mans do silencio
arrinca
a mais pura poesía,
no espacio fuxidía
no corazón eterna."

É Licenciado en Ciencias Biolóxicas, especialidade de Bioloxía Mariña.En febreiro de 1995 foi elixido Académico de Número da Real Academia Galega de Belas Artes Nuestra Señora del Rosario. En xuño de 2008 o Consello da Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao.


Concellaría de Cultura.
Concello de Santiago de Compostela, 2005